O Concello de Tomiño aforra en torno a un 70% co seu novo alumeado público. A diferenza comprobouse na Parroquia de Pinzás e na poboación de Vilachán do Monte, na Parroquia de Barrantes.

A nova instalación, que consistiu na substitución duns 2000 metros de antigo canleado monofásico por un canleado trifásico, o cambio dunhas 150 lámpadas LED, a renovación de luminarias e o cambio dos postes de madeira por postes de cemento, supuxo unha inversión económica ata o momento duns 9.000 € por parte do Concello de Tomiño.

Coa estrea da nova iluminación dende aproximadamente os meses de xuño e xullo, foi posible verificar a significativa redución de costes no servizo de alumeado público. Esta diminución no consumo eléctrico supuxo un aforro nos meses de verán de máis da metade do consumo respecto ao ano anterior, cerca dun 70%. Dende o Concello de Tomiño destacan que o significativo é que ademais de aforrar na factura eléctrica do municipio, tamén se optimiza o servizo e se consegue aumentar o seu rendemento e eficiencia.

Na actualidade o Concello de Tomiño xa está levando a cabo novas actuacións de mellora luminosa, como é o caso da poboación de Cristelos, tamén na parroquia de Barrantes. Á vista dos bos resultados, están previstas para o ano próximo máis actuacións de renovación do tecido eléctrico noutros puntos do concello.