O Concello de Tomiño agradece a Protección Civil o seu traballo durante o 2020 Un cheque-agasallo para gastar no comercio local substituíu a tradicional cea de Nadal

O Concello de Tomiño quixo agradecer aos voluntarios da Agrupación Local de Protección Civil o seu gran traballo desinteresado en favor da veciñanza do concello de Tomiño.

Tradicionalmente o goberno municipal organiza coa agrupación unha cea anual como forma de agradecemento polo seu labor, mais a pandemia actual impediu que o acto fose posible este ano. No seu lugar a alcaldesa Sandra González e o concelleiro de Seguridade, Isamael Troncoso, entregaron uns vales de agasallo para gastar no comercio local do municipio, un sector que desde o Concello tamén consideraron prioritario apoiar este Nadal.

Desde a institución reiteran a importancia que ten o labor realizado pola agrupación, especialmente nun ano complicado coma o actual. Os voluntarios desempeñaron un papel fundamentar en labores relacionadas coa pandemia como a entrega de medicamentos e alimentación ás persoas maiores, axudando a controlar o acceso e a mobilidade de persoas en probas e eventos deportivos ou desenvolvendo labores asistenciais en accidentes de tráfico e incendios, entre moitos outros.