O Concello de Tomiño agradece a xenerosidade da veciñanza pola alta participación no cribado Conseguíronse 2.500 voluntarios para a proba tan só dous días despois de abrirse o formulario de inscrición

Como medida para afrontar a alta incidencia que o municipio viña presentando durante as últimas semanas nunha tendencia ascendente, o Concello de Tomiño propuxo ao Servizo Galego de Saúdea realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR. O pasado 30 de decembro habilitou un formulario na páxina web municipal para que se inscribisen aqueles que estivesen interesados en colaborar e tan só dous días despois de publicalo completáronse as 2.500 prazas dispoñibles. 

Nun primeiro momento intentouse que este cribado se fixese no propio municipio, pero debido á falta de persoal e a unha complexidade loxística que retrasaría bastante o inicio do mesmo, optouse por facelo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Tomando como referencia cribados realizados noutros municipios, onde a asistencia non foi voluntaria senón que os propios centros de saúde se encargaban de citar aos cidadáns, o Sergas agardaba unha participación moi baixa, polo que a cifra de 2.500 inscritos foi toda unha sorpresa. 

“Desde o Concello de Tomiño queremos agradecer enormemente a mostra de xenerosidade e civismo amosada polos veciños e veciñas, que mostraron ser un exemplo na empatía cos demais axudando a frear un problema que durante as últimas semanas está afectando tanto ao noso municipio. Foi moi emotivo ver como todo o mundo se afanou nesta cuestión”, comenta a rexedora Sandra González.

Durante a última semana xa realizaron a proba a maior parte dos inscritos, polo que é previsible que o cribado finalice nos próximos días. Espérase que esta medida sirva para identificar a positivos asintomáticos dos que non se tiña constancia, axudando así a reducir a propagación do virus.