O Concello de Tomiño aproba unha declaración institucional contra a violencia de xénero A proposta foi levada ao pleno municipal e contou co apoio de todas forzas políticas representadas

O 25 de novembro conmemórase a nivel mundial o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e o Concello de Tomiño quixo rememorar esta data facendo unha declaración institucional condenando a violencia á que día tras día son sometidas moitas mulleres froito da desigualdade de xénero existente na nosa sociedade. A declaración acordouse previamente cos demais grupos políticos representados na corporación municipal e foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado este xoves 12 de novembro.

Na declaración, o Concello de Tomiño comprométese a condenar a violencia contra as mulleres como manifestación máis extrema que é das desigualdades de xénero, e mostra a súa solidariedade coas mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas. Do mesmo xeito, comprométese a desenvolver as medidas contidas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero, pondo en disposición das mulleres vítimas desta violencia os recursos municipais necesarios, impulsando actuacións de sensibilización e prevención ou traballando coa comunidade educativa e as familias para que os mozos e mozas medren e vivan nunha sociedade plural, respectuosa, igualitaria e libre de violencias machistas. É por iso que o Concello de Tomiño declárase un concello libre de violencia machista, e non será cómplice de quen a exerzan, a acubillen ou a silencien.

No Estado Español faleceron, desde o 1 de xaneiro de 2003 no que comezaron a contabilizarse as vítimas por violencia machista, 1.071 mulleres. No que vai de ano 2020 son 38 as mulleres asasinadas, deixando 19 orfos e orfas e 3 menores. Estes datos representan ás mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas, suposto recollido pola Lei Integral contra a Violencia de Xénero, aínda que fóra das relacións de parella tamén existen mulleres asasinadas, agredidas e violentadas polo feito de seren mulleres.

O pleno celebrouse a porta pechada por motivos de seguridade e co fin de extremar as precaucións. Para manter as distancias axeitadas de separación entre persoas, os concelleiros ocuparon a práctica totalidade do salón de plenos.