O Concello de Tomiño asina un convenio con Cáritas para instalar contedores de recollida de roupa Serán instalados catro contedores en varios puntos do municipio

O Concello de Tomiño vén de asinar un convenio coa empresa de inserción laboral de Cáritas, Servicios Comerciales de Inserción Laboral, para a instalación de contedores para a recollida de roupa.

En base ao acordo, o Concello comprométese a conceder un espazo para a colocación dos contedores de forma gratuíta, mentres que a empresa, ten como finalidade a creación de postos de traballo de inserción sociolaboral a través da xestión do residuo textil, será a encargada da recollida da roupa, que será reciclada e destinada a fornecer ás persoas sen recursos da vestimenta necesaria.

Está previsto que sexan instalados catro contedores en varios puntos do municipio, entre os que se atopan:

  • O torreiro de festas do barrio do Hospital.
  • A zona deportiva de Sobrada (Torrón), ao carón do colexio.
  • A parroquia de Barrantes, ao carón do CEIP de Barrantes.
  • O núcleo urbano do Seixo, na rúa Tui.

A duración do convenio será de dous anos e a instalación dos contedores está prevista para a vindeira semana.

Foto: Servicios Comerciales de Inserción Laboral