O Concello de Tomiño bonificará o 50% dos impostos aos coches eléctricos e híbridos A medida pretende ir en sintonía coas estratexias adoptadas no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES)

O Concello de Tomiño aprobou no pleno extraordinario celebrado no día de onte o establecemento dunha bonificación para os vehículos que sexan máis respectuosos co medio ambiente, contando co voto a favor de todas as forzas con representación na corporación municipal. Segundo a rexedora local, Sandra González, “a medida pretende representar un paso máis no cumplimento do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostibles (PACES)” ao que o Concello está adherido, un proxecto que procura establecer estratexias de mitigación do cambio climático que aseguren un futuro sostible para o municipio.

Deste xeito, os vehículos que conten co distintivo ambiental de “cero emisións”, nos que se atopan os vehículos eléctricos de batería (BEV), eléctricos de autonomía estendida (REEV), eléctricos híbridos enchufables (PHEV) cunha autonomía de 40 km ou os vehículos de pila de combustible, gozarán dunha bonificación do 50% na cota do imposto durante un tempo indefinido a partir do ano seguinte ao da primeira matriculación.

Por outra parte, aqueles que conten co distintivo ambiental “eco”, entre os que se atopan os vehículos eléctricos enchufables con autonomía inferior a 40km, híbridos non enchufables (HEV) ou vehículos propulsados por gas natural e gas (GNC e GNL) ou gas licuado do petróleo (GLP), obterán un 50% de bonificación durante os 5 anos naturais posteriores ao de primeira matriculación.

Tamén está contemplada unha bonificación do 100% para os vehículos históricos ou aqueles que teñan unha antigüidade mínima de 25 anos, contados a partir da data da súa fabricación. No caso de non coñecerse a data, tomaríase como referencia a da súa primeira matriculación ou, en última instancia, a data na que o correspondente modelo se deixou de fabricar. 

As persoas interesadas nestas bonificacións deberán solicitalas mediante unha instancia dirixida ao órgano competente, achegando tamén o permiso de circulación e a ficha técnica do vehículo que acredite a súa inclusión nalgún dos supostos mencionados.