O Concello de Tomiño celebra este sábado a súa primeira Festa Agro LGTBI As actividades están organizadas polo Grupo de Voluntariado de Tomiño, en colaboración coa Oficina de Información Xuvenil

O Concello de Tomiño celebrará este sábado, a primeira “Festa Agro LGTBI”; unha iniciativa lúdico-festiva organizada polo Grupo de Voluntariado Local, en colaboración coa OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil), que “xorde da necesidade de visibilizar a persoas homosexuais, bisexuais e transexuais no rural”.

“Trátase dunha acción que busca ser unha vía de reivindicación de oportunidades; unha iniciativa que procura que Tomiño sexa un espazo de activismo transformador e no que o conxunto da comunidade participe de xeito directo”, explican os organizadores.

A actividade terá lugar o vindeiro sábado, 30 de xuño, no Mercado Municipal (aínda que nun principio estaba previsto facela no Río da Pedra), propoñendo un modelo de celebración lonxe do consumismo e lecer nocturno. Será un encontro dirixido a todos os públicos, que comezará ás 11h30 da mañá e rematará sobre as 20.00h coa lectura do manifesto.

A celebración contará cunha sesión vermú artesá, conferencias, obradoiros, animación infantil, concertos, teatro, danza, sesión DJ e actividades sorpresa.