O Concello de Tomiño censura firmemente á agresión que Rusia está a levar a cabo en Ucraína A Praza do Seixo acolleu hoxe unha concentración silenciosa á que acudiron representantes da corporación municipal e veciñanza

 “O Concello de Tomiño manifesta firme censura respecto á agresión que Rusia está a levar a cabo en Ucraína. Como defensores dos dereitos e liberdades das persoas non podemos tolerar ningunha acción que socave ditos cimentos humanos”. Con estas palabras, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comezou a súa intervención previa a 5 minutos de silencio, sumándose deste xeito á convocatoria realizada pola FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).

                                     

A concentración tivo lugar ás 12 do mediodía na Praza do Seixo, contando coa asistencia de representantes da corporación municipal, traballadores do Concello e veciñanza.

“As guerras son unha traxedia e un retroceso da civilización. Non hai nada que xustifique as vítimas mortais e o cruel sufrimento dos superviventes, que marcará o resto das súas vidas. Os devastadores efectos desestruturan a sociedade moito máis aló do conflito bélico. Danos irreparables que se agravan cada minuto que pasa”, sinalou a rexedora local.

“Por tanto, unimos a nosa voz ás que apreman ao dirixente ruso para que cese os ataques e a invasión do territorio ucraíno inmediatamente, que desista de calquera acción pola forza e retome a negociación como única vía para procurar os seus intereses”, manifestou.

Sandra González asegurou apoiar “o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagardar a independencia de cada país e poñémonos á súa disposición para axudar, dentro das nosas posibilidades, naquelas medidas que procuren a protección e benestar das persoas que foxen do conflito para salvar a vida”.

“Os ucraínos e ucraínas poden contar coas entidades locais galegas, que estamos pendentes -con gran preocupación e pesar- do que están a vivir”, concluíu dando paso aos 5 minutos de silencio.