O Concello continúa executando melloras nos nosos colexios. Cun investimento de 20.000 euros, o executivo local vén de restaurar o tellado do Colexio Rural Agrupado no Seixo

Cun investimento de 20.000 euros, o executivo local vén de restaurar o tellado do Colexio Rural Agrupado (CRA) no Seixo

 

 

O Concello continúa a desenvolver o programa de melloras que vén executando nos centros educativos do municipio.

 

Nesta ocasión, o Concello de Tomiño vén de investir 20.000 euros na restauración do tellado do CRA (Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés), sito no Seixo.

 

Co fin de reparar as goteiras existentes e mellorar o illamento do edificio, procedeuse a retirar a tella, colocar paneis de madeira, tela impermeable e outros produtos illantes, para finalmente repoñer o tellado.

 

“Con esta actuación tentamos contribuír ao mantemento dos centros educativos do Concello, dando continuidade deste xeito, ao compromiso do goberno coa educación. Por esta razón, cada exercicio, destinamos unha partida relevante para facer melloras e arranxos nos diferentes colexios”, explica a alcaldesa do municipio, Sandra González.

 

O próximo paso é a reforma do patio do CRA do Seixo, con novas zonas axardinadas e parque infantil; obra que terá un custe de 60.000 euros, procedentes do Plan Concellos da Deputación.

 

Asemade, acometerase unha serie de obras máis nos diferentes centros educativos de cara ao verán, aproveitando o receso escolar.