O Concello de Tomiño continúa o labor de recuperación ambiental da ribeira do Miño Na actualidade estanse recuperando as parcelas de xestión municipal situadas nas inmediacións da Ponte da Amizade

O Concello de Tomiño continúa coa posta en marcha do programa de recuperación e posta en valor da ribeira do Miño, enmarcadas dentro do Proxecto bianual de accións para a mellora do estado de conservación do bosque de ribeira nos entornos da Atalaia e da illa Morraceira na Zona de Especial Conservación (ZEC) Baixo Miño, dentro da Rede Natura 2000.

Tratándose dun plan bianual, na anualidade do ano 2020 controlouse a proliferación de especies exóticas invasoras en distintas áreas da ZEC Baixo Miño como a Illa Morraceira, aínda que debido a ecoloxía e demografía destas plantas é preciso un labor de seguimento e monitorización para evitar que a reaparición poida botar por terra o traballo realizado.

Na actualidade, no marco da anualidade 2021, estanse realizando intervencións nas parcelas de xestión municipal situadas nas inmediacións da Ponte da Amizade, en Goián. A parcela situada na parte norte da ponte, xunto á vía de acceso, atopábase moi degradada debido aos sucesivos depósitos de residuos vexetais realizados nela, o seu uso como cargadeiro de madeira e os movementos de terra sufridos debido á construción da Ponte da Amizade. Para evitar estes usos, inapropiados nun espazo natural protexido que se pretende recuperar e situado nas inmediacións dun xacemento arqueolóxico (a Atalaia), procedeuse á instalación dun valado de madeira, que irá acompañado da plantación de árbores de ribeira e veiga. Tamén se realizou neste senso un control arqueolóxico de todas as actuacións desenvolvidas nas inmediacións da Atalaia, levado a cabo pola arqueóloga Sofía Baqueiro Vidal.

Por outra banda, na parcela sur leváronse a cabo no pasado accións de eliminación de novas plantas de eucalipto e outras plantas exóticas como a acacia. Tamén se plantaron varias especies características da carballeira presentes en Tomiño, habilitando un roteiro botánico interpretativo cun panel de 15 placas identificativas para as respectivas especies mais outras dez nun percorrido polo bosque da ribeira.

O proxecto conta cun investimento de 24.197,40 euros, dos cales 19.997,85 proceden dunha achega aprobada pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), desglosadas en 9998,93 euros para as actuacións correspondentes á anualidade de 2020 e outros 9998,92 euros para a anualidade de 2021. A súa finalización está prevista a finais deste mes.