13 Mar O Concello de Tomiño destinará 95.000 euros á subvención de actividades deportivas, sociais e culturais Destinaranse 40.000€ a entidades deportivas e deportistas individuais, 40.000€ a actividades culturais e outros 15.000€ a proxectos sociais
Xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases para as subvencións municipais dirixidas a entidades sen fin de lucro que desenvolven ao longo de 2018 actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais.
A través destas axudas, o Concello de Tomiño investirá 95.000 euros para apoiar e promover todas aquelas actividades que repercutan no desenvolvemento do municipio e que contribúan ao fomento dos intereses dos veciños e veciñas do municipio, en especial ao benestar social da cidadanía, á promoción da cultura e ao fomento do deporte.
40.000 euros en axudas deportivas
O goberno municipal destinará 40.000 euros a entidades sen fin de lucro e deportivas individuais coa finalidade de fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades deportivas durante todo o ano. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto no Concello de Tomiño durante 30 días despois da súa publicación, rematando o 2 de abril.
Preme aquí para descargar as bases e anexos da solicitude.
Neste caso serán subvencionales os gastos federativos correspondentes á tempada, os gastos de arbitraxe, os de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, os de mutualidades e seguros, os de material deportivo de carácter funxible ou de carácter inventariable e os gastos de equipamento e vestimenta deportiva. Cando a subvención sexa solicitada para deportistas individuais de Tomiño estes terán que ser recoñecidos a nivel galego, estatal ou internacional.
Orzamento de 40.000 euros para subvencións culturais
Pola súa banda, o Concello de Tomiño tamén destinará un orzamento de 40.000 euros a axudas municipais para entidades sen fin de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2018, coas que se busca contribuír ao desenvolvemento de proxectos ou actividades culturais que fomente os intereses xerais ou sectoriais dos veciños e veciñas, con especial atención á promoción ou recuperación da cultura e tradicións locais. O prazo para a presentación de solicitudes empezará ao día seguinte á súa publicación no BOPPO, o 12 de marzo, e finalizará no prazo dun mes natural.
Descarga aquí as bases e anexos da solicitude destas subvencións.
As axudas neste eido estarán destinadas á realización de actividades por asociacións culturais, veciñais e xuvenís, a actividades de recuperación e difusión do patrimonio cultural, de promoción dos produtos agrícolas e gastronómicos da zona, á recuperación de espazos naturais ou de lecer e a outros proxectos de especial interese cultural e social.
Sen embargo, quedan especificamente excluído o uso destas axudas para a adquisición, reparación ou mantemento de bens de inmobilizado; para o consumo eléctrico, telefónico e similares; para a celebración de festas parroquiais; para gastos derivados de comidas ou que non estean directamente vinculados á actividade obxecto da subvención; así como para saldos debedores das contas bancarias, de procedementos xudiciais, impostos, recargas e sancións administrativas.
15.000 euros para actividades sociais
O Concello destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades que promovan o benestar social da cidadanía a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá dentro do ámbito dos Servizos Sociais durante o 2018. As solicitudes poden presentarse dende este 13 de marzo, día despois da publicación no BOPPO, e finalizará no prazo dun mes natural.
A través destas axudas o Concello quere axudar a financiar os gastos de proxectos de atención á discapacidade e aos menores, de apoio á dinámica familiar, de voluntariado social, de atención á toxicomanía, de prevención de situacións de violencia intrafamiliar, de promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, de atención á inmigración e a minorías étnicas e outros proxectos de especial interese social nos que estea xustificada a financiación municipal.
Bases e anexos da solicitude destas subvencións para proxectos sociais.