O CONCELLO DE TOMIÑO LAMENTA O PASAMENTO DO ESCULTOR MAXÍN PICALLO

O CONCELLO DE TOMIÑO LAMENTA O PASAMENTO DO ESCULTOR MAXÍN PICALLO

Desde o Concello de Tomiño lamentamos profundamente o pasamento do escultor Maxín Picallo, unha das grandes referencias artísticas do noso concello e de Galicia. Trasladamos todo o noso agarimo e condolencias a súa familia, amizades e persoas achegadas.

Nado en Cuntis en 1940, Picallo fixo de Goián a súa vila adoptiva, onde residiu durante máis de seis décadas e desenvolveu boa parte dunha extensa traxectoria artística. Formado na Escola de Artes e Oficios de Santiago e alumno de Francisco Asorey, deixou a súa pegada a través de numerosas obras espalladas por Galicia e outros puntos do Estado.

En Tomiño queda tamén parte dese legado. En 2021 realizou a escultura dedicada ao pintor Antonio Fernández que preside a praza que leva o seu nome en Goián. En 2014, foi homenaxeado no acto cívico do Alivio xunto a Antúnez Pousa e Xuxo Vázquez pola súa traxectoria e pola súa contribución a facer de Tomiño unha verdadeira terra de artistas.

A súa obra e a súa memoria quedarán para sempre ligadas a Goián e Tomiño.

Imaxe: Gustavo Rivas.