O Concello de Tomiño organiza a campaña “Se bebes, non arrisques, fai a proba”, para garantir a seguridade durante as celebracións do verán Os controis poderán ser voluntarios, pero tamén se realizarán de forma aleatoria, e se controlará a venda de alcohol a menores

A Concellería de Seguridade, Tráfico e Persoal, que dirixe Ismael Torrón, presentou este mediodía no Concello de Tomiño a campaña “Se bebes, non arrisques, fai a proba”, que o Concello ten previsto desenvolver, conxuntamente coa Policía Local, durante as celebracións do verán, coma a 14ª edición da Makrofesta de Tomiño, que se celebra mañá sábado, 27 de xullo, no Recinto de Festas da Virxe do Alivio.

Catro patrullas da Policía Local de Tomiño, realizarán controles voluntarios de alcoholemia, que terán lugar xunto á capela do Alivio. Así o explicou o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez, acompañado do concelleiro e de representantes de Protección Civil e da comisión organizadora.

Os controis poderán ser voluntarios, é dicir, a solicitude dos propios condutores que desexen coñecer a súa taxa de alcohol en sangre antes de coller o vehículo, pero tamén se realizarán de forma aleatoria, como o establece a lei neste tipo de eventos. O dispositivo de seguridade contará coa colaboración de membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tomiño e, de ser necesario, tamén con axentes do posto da Garda Civil.

A organización deste evento, un dos máis concorridos do verán, recomenda facer un consumo responsable do alcohol. Asemade, a policía local advirte que se controlará a venda de bebidas alcohólicas a menores de idade.