O Concello pon en marcha “En Familia”, unha ferramenta on line para as familias durante a cuarentena Contos, cancións, manualidades, xogos e percorridos dixitais, figuran entre as propostas elaboradas polo Servizo de Educación e Apoio Familiar

Adivina canto te quero”, un conto en formato vídeo da educadora infantil Quelly Rodríguez, ou a canción dos dediños en familia, coa compañía Migallas Teatro, son dúas das interesantes propostas do programa online “En Familia” posto en marcha polo Concello de Tomiño na súa páxina web, co propósito de axudar durante a cuarentena na crianza das fillas e fillos.

Manualidades sobre como facer un peto o unha carreira de animais; xogos de mesa e de palabras; vídeos sobre as banderas do mundo ou unha magnífica galería con máis de 2.000 fotos do Museo de Historia Natural de Nova Yorke figuran tamén entre os recursos propostos pola ferramenta dixital.

O Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño vén de por en marcha este programa online, co fin de acompañar ás familias confinadas na casa, cunha serie de recursos e ferramentas de apoio educativo e de orientación no acompañamento a nenos e nenas durante este tempo de convivencia familiar.

Pretendemos, a través de distintas propostas, facilitarvos tarefas para realizar cos vosos pequenos e pequenas, e así aproveitar esta situación para compartir tempos e fortalecer vínculos de maneira positiva. Agardamos que sexa un espazo dinámico no que poder compartir ideas, inquedanzas, propostas que axuden a enriquecer este tempo de agarda”, explica a concelleira de Benestar, Cristina Martínez.

Entre o contidos que se colgan na páxina web do Concello (https://tomino.gal/en-familia/), pódense atopar actividades lúdicas cunha dimensión educativa, e unha serie de consellos ou trucos para afrontar de maneira constructiva a situación de confinamento no fogar. “Desde unha perspectiva positiva podemos aproveitar o momento para introducir certas rutinas na vida dos nosos pequenos e pequenas, coa intención de que se manteñan no tempo”, comenta a concelleira.

Asimesmo, as familias dispoñen dun enderezo de correo electrónico no que contactar para calqueira dúbida, preocupación ou propostas que queiran compartir: apoiofamiliar@tomino.gal.

Neste espazo súbense periódicamente unha serie de actividades e pautas para aproveitar o momento de convivencia no fogar. As propostas están divididas en dúas áreas; por un lado, para nenos e nenas até os 6 anos de idade, e por outro, para cativos e cativas de entre 6 e 13 anos. Para o 1º tramo de idade, hai contos para ver e escoitar, cancións para aprender e entender, actividades socioeducativas e trucos. Para o segundo, xogos, manualidades, e aplicacións virtuais coma un percorrido pola galería dos dinosaurios do Museo Americano de Historia Natural con 2160 fotografías.

A alcaldesa Sandra González quere agradecer a todas as persoas que facen posible esta nova sección da web municipal, achegando a súa experiencia e creatividade na elaboración do material didáctico, entre eles, Tamara e Bea Campos, do grupo Migallas Teatro; Raquel Quelly Rodríguez, monitora do programa Medrando en Familia; Karina, monitora da actividade extraescolar “Emociónate”, de Lingoreta, e os técnicos municipais Iago Piñeiro e Isabel Ayán.