O Concello de Tomiño, primeiro municipio rural que presenta un plan de accesibilidade.

O Plan de Accesibilidade foi presentado esta mañá na Casa Consistorial e contou coa presenza do colectivo de usuarios e usuarias da Asociación Vontade, o seu Presidente, Miguel Pazo, e o responsable de COGAMI, Anxo Queiruga.

O Concello de Tomiño vén de presentar esta mañá o plan de accesibilidade que contempla a intervención en diferentes puntos do municipio como torreiros, prazas, parques, zonas de aparcadoiro, zonas peonís, paseos fluviais, zonas escolares, cemiterios, ou edificiacións municipais.
O proxecto responde a unha iniciativa da Asociación de Persoas con Discapacidade “Vontade”, cuxa sede se atopa no barrio da Rocha-Tomiño, que analizou lugares do municipio con maior afluencia de persoas.
A idea foi suxerida por usuarios do colectivo nunha edición do Concello Escoita celebrado na parroquia de Santa María de Tebra. Á raíz daquela suxerencia por parte de usuarios de Vontade, procedeuse a analizar os espazos e xestionar o plan de mellora de accesibilidade que finalmente se presentou esta mañá. A presentación contou coa presenza de boa parte dos usuarios e usuarias do colectivo Vontade que non quixeron perderse este evento de relevante para eles.
O Concello pola súa parte, ten incluido medidas de accesibilidade en todos os proxectos executados. Así intervencións en espazos e instalaciósn municipais como a Aula Antonio Fernández, auditorio e pabillón de Goián, o mercado municipal ou a praza do Seixo e a Casa Consistorial son accesibiles aos veciños e veciñas en igualdade de condicións independentemente da súas particularidades físicas.
O plan de accesibilidade é un proxecto pioneiro en Galicia xa que recolle intervencións en espazos rurais e polo tanto núcleos dispersos.
Anxo Queiruga, Presidente de COGAMI, destacou a importancia deste proxecto. Queiruga mostrou a súa ledicia por “levar a cabo medidas desta índole en concellos rurais, e facelo cun plan ambicioso no que non só se contemplan intervencións en espazo urbanos senón en áreas de usos público nas parroquias”. O Presidente de COGAMI, ademáis, resaltou que “as melloras de accesibilidade son melloras para o conxunto da cidadanía, e polo tanto a accesibilidade é un tema transversal”.
Uxío Benítez, Concelleiro de Planificación Territorial, Facenda e Proxectos Estratéxicos e Deputado Provincial responsable da área de Mobilidade, lembrou “o novo concepto de mobilidade que dende a Deputación se ven implementando respecto das actuacións do órgano provincial”. Segundo Benítez, “o pasado 29 de xaneiro o pleno provincial aprobou un decálogo de criterios de estradas provinciais que parten da base de que a prioridade son as pesoas por riba dos vehículos. En función deste decálogo, os proxectos provinciais teñen que dar prioridade á seguridade, igualdade e accesibilidade das persoas”.
A Alcaldesa, Sandra González, agradeceu o compromiso e labor feita dende a Asociación Vontade e dende o departamento provincial de COGAMI. A Alcaldesa destacou “a importancia deste proxecto que busca intervir en todas as parroquias para chegar ao maior número de veciños e veciñas”. Segundo González “o Concello leva varios anos contemplando medidas de accesibilidade en todos os proxectos que temos executado e proba diso é que recentemente, na Casa Consistorial, todos os veciños e veciñas independentemente das súas capacidades físicas entran pola porta principal”.