O Concello de Tomiño recuperará para as persoas as rúas A Guarda e República Arxentina A actuación supón un investimento de 670.000 euros e conta cunha subvención da Deputación Provincial de 500.000

O Concello de Tomiño vai dar un paso máis no seu proceso de transformación e recuperación do espazo público do núcleo urbano do Seixo.

O proxecto do Concello de Tomiño “Mellora da mobilidade e seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos da Praza do Seixo”, cun investimento total de 670.000 euros, vai  supoñer un paso máis no proceso de cambio e transformación do núcleo urbano do Seixo.

A actuación, presentada en rolda de prensa, pretende aproveitar a mudanza na mobilidade de vehículos que vai a supoñer a nova avenida que actualmente se está a construír, e que vai  significar a eliminación de todo o tráfico de paso, o que pode significar o 90% dos vehículos que actualmente pasan polo Seixo.

Así, o proxecto contempla a peonalización e ampliación da praza do Seixo, ata os tramos da rúa A Guarda e rúa República Arxentina, e ata o entronque coa nova avenida, reformando todos os servizos urbanos e mellorando o espazo público cun deseño semellante á Praza do Seixo.

A rúa A Guarda pasará a ter un deseño máis estancial e comercial, creando espazos de encontro e áreas con bancos, vexetación e iluminación con catenarias. A rúa República Arxentina configurarase como unha alameda de entrada á Praza do Seixo, desde a rotonda de entronque da nova avenida, que pasará a ser o principal punto de referencia e entrada de Tomiño. Nos dous casos colocarase iluminación de alta eficiencia enerxética e renovaranse todos os servizos (auga, saneamento, pluviais, canalizacións, etc.).

Para poder dar máis servizo aos veciños e veciñas, o Concello mellorará e ampliará o segundo aparcadoiro, duplicando o número de prazas de estacionamento, e xerando ademais un terceiro aparcadoiro. Con todo isto, o goberno municipal quere que Tomiño sexa un exemplo de recuperación dos espazos públicos para as persoas, pasando a situar máis 100.000 m2 de espazos peonis e zonas verdes.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño, entende que esta obra significará un paso moi importante de mellora do espazo, que irá en beneficio dos veciños e do comercio local, como xa supuxo a mellora da Praza do Seixo e do Mercado Municipal.

Para a realización desta obra, o goberno tomiñés foi quen de conseguir unha subvención de 500.000 euros, ao abeiro da convocatoria pública do Plan DepoRemse, da Deputación de Pontevedra, para o proxecto de remodelación, cun coste total de 670.000€, o que supón unha financiación do 75%.

O plan da Deputación pretende axudar aos Concellos na promoción da mobilidade sustentable nos seus viarios municipais, priorizando a seguranza viaria e a mobilidade peonil. O proxecto do concello de Tomiño foi un dos mais puntuados e conseguiu a máxima subvención posible.