O Concello de Tomiño reforza o programa “É Aprender” ampliando o horario de atención psicolóxica

Trátase dun proxecto educativo que chega a súa 5ª edición como ferramenta de apoio ao estudo, desenvolvemento do pensamento crítico e habilidades emocionais, para alumnado da ESO e ciclo superior de Primaria

 

Co fin de mellorar a calidade do ensino, o Concello de Tomiño, segue a levar adiante o programa É Aprender, unha das ferramentas (dende o curso 2012/2013), para chegar a cumprir có obxectivo  principal do programa: axudar a nenos e nenas de Primaria e ESO a mellorar o rendemento escolar e superar dificultades de aprendizaxe.

Co propósito de mellorar esta acción, o Concello vén de ampliar o horario do servizo de atención psicolóxica, que constitúe un dos pilares do programa educativo, para tratar cuestións emocionais, sociais e familiares, que tamén deben terse en conta para acadar o obxectivo dunha educación plena, universal e permanente. É así que o apoio psicolóxico prestarase dúas tardes á semana, en lugar dunha, coma viña sendo até o de agora.

Polo mesmo, ademais das actividades propiamente educativas como o É Aprender, as disciplinas  extraescolares gratuítas, etc. … o Concello tenta fortalecer aspectos coma autonomía persoal, seguridade, participación, mobilidade, etc. coa organización doutras actividades e co apoio dos servizos sociais municipais, e incluso atención psicopedagóxica para persoas derivadas dende o IES ou  do programa É Aprender.

 

Datos:

O programa É Aprender é un proxecto educativo que chega a súa 5ª edición como ferramenta de apoio ao estudo, desenvolvemento do pensamento crítico e habilidades emocionais, para alumnado da ESO e ciclo superior de Primaria. A día de hoxe asisten uns corenta nenos e nenas; 11 deles de Secundaria e o resto de Primaria. Coa colaboración do IES de Tomiño, a Concellalía de Educación, procedeu á contratación de persoal cualificado que se ocupa de coordinar a actividade, asistindo a cada un dos espazos educativos, situados en cinco parroquias diferentes (Tebra, Barrantes, Currás, Goián e Tomiño).

 

Máis información chamando ao teléfono 986 62 20 01 en horario de mañá.