O Concello de Tomiño solicita á Xunta melloras na estrada PO-195 antes de asumir a súa titularidade A principal demanda é a construción dunha glorieta na intersección coa PO-552 debido a alta densidade diaria de vehículos

A Xunta de Galicia e o Concello de Tomiño asinaron un convenio para que a estrada autonómica PO-195, en Forcadela, pase a ser de titularidade municipal. Pero antes de facer efectivo este acordo, o goberno local solicita que a Xunta leve a cabo unha serie de melloras en termos de seguridade vial neste tramo. A Consellería de Infraestruturas levou a cabo varias medidas de calmado de tráfico, como a redución da velocidade de 50 a 40 quilómetros por hora e a instalación de dous lombos redutores de velocidade, entre outras actuacións. O Concello considera que estas medidas son insuficientes e reclama máis actuacións para mellorar a seguridade vial neste tramo conflitivo.

A principal demanda para que se complete a transferencia da PO-195 é a instalación dunha glorieta na intersección coa PO-552 que faga fronte a enorme densidade de tráfico que soporta este enlace, utilizado polos condutores procedentes de Tui para acceder ao centro urbano de Tomiño. A memoria de tráfico da Xunta de Galicia do ano pasado recolle que a a intensidade media diaria de vehículos no punto quilométrico 1+580  é de entre 10.000 e 15.000 vehículos procedentes de Tui.

O Concello tamén considera que é necesario reducir a velocidade pola zona de maior densidade de vivendas ata os 30 quilómetros por hora. O goberno municipal defende que esta rebaixa suporía tanto unha redución do número de atropelos como a gravidade dos mesmos. Nese senso, tamén se reclama a instalación de sete novos redutores físicos de velocidade e un novo paso de peóns sobreelevado. A súa instalación requírese nas zonas onde existe unha maior densidade de vivendas.

Nunha parte do vial, en sentido Tui, onde non existe beirarrúa, é necesario pavimentar algúns dos espazos que existen entre a calzada e as vivendas edificadas para lograr así unha zona de parada ou estacionamento accesible. Actualmente esta marxe atópase mal formigonada e chea de maleza.

 

Senda peonil

O Concello tamén reclama a execución dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho para continuar a beirarrúa existente na PO-195 para poder acceder á igrexa, ao parque ou ao torreiro. Unha actuación repetidamente solicitada polos veciños da zona.  Os terreos necesarios para a execución de dita senda xa foron acadados polo Concello de Tomiño a través de actas de cesión desolo que os veciños propietarios das parcelas adxacentes á estrada realizaron de forma voluntaria e sen custo para a administración. Durante a execución da senda deberase prever a canalización soterrada das liñas eléctricas aéreas existentes, así como a de alumeado público, e incluso deixar prevista outra canalización para telecomunicacións ante a inminente implantación da fibra óptica.

Actualmente, a ausencia de beirarrúa nalgúns tramos obriga aos peóns a circular pola propia calzada, que ademais carece dunha beiravía o suficientemente grande para que o fagan dun xeito que non sexa perigoso.