O Concello destina 14.000 euros para a promoción e fomento das actuación dos grupos de música tradicional tomiñeses As axudas do ‘Circuíto Cultural 2023’ poderán solicitarse ata o vindeiro 1 de decembro cunha antelación mínima de 30 días á data da actividade solicitada

O Concello de Tomiño publica un ano máis as bases do ‘Circuíto Cultural 2023’, unhas subvencións coas que se busca promocionar e fomentar as actuacións dos grupos de música tradicional tomiñeses. O Goberno municipal destinará 14.000 euros a estas axudas, xa que entende a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a veciñanza como parte activa da creación cultural.

“A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Por iso, dende o Concello asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o seu descubrimento e contratación”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Poderán solicitar a inclusión no circuíto as bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandeireteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns que, en caso de cumprir cos requisitos, poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada polo Concello. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións incluídas no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data de actuación, sendo exclusivamente un acordo entre ambas as dúas partes.

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación de Tomiño serán:

  • Banda de música: 400 euros
  • Corais: 200 euros
  • Bandas de gaitas con máis 30 compoñentes: 300 euros
  • Grupos de gaitas: 200 euros
  • Treboadas: 200 euros
  • Pandeireteiras: 150 euros
  • Murgas ou charangas: 150 euros
  • Grupos de acordeóns: 150 euros

As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 1 de decembro de 2023. O modelo de solicitude tamén está dispoñible na propia Sede Electrónica. As agrupacións interesadas deberán presentar a súa solicitude cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.