O Concello e o Instituto de Estudos Miñoranos impulsan unha xeira de balde polas fortalezas de Tomiño O percorrido partirá dende o Pazo-Torres dos Correa (Goián) e contará con dous intérpretes de lingua de signos

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), en colaboración co Concello de Tomiño, organiza hoxe xoves 19 de xullo unha nova xeira de verán, e xa van cinco. Nesta ocasión, tratará sobre arquitectura militar histórica e visitaranse as grandes fortalezas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira. A saída será as 18.30 horas dende o Pazo-Torre dos Correa (Goián). Trátase dunha actividade de balde e non se precisa inscripción previa. Baixo a guía de Antonio Soliño, arquitecto e membro do IEM, os asistentes terán ocasión de ver e comentar a fortaleza de Goián, que pertenceu a linaxe dos Correa, familia da que conserva un escudo na fachada principal e que estivo moi ligada históricamente a Goián. Esta construcción é unha das mellores expresións arquitectónicas do barroco galego.

A xeira partirá dende a fortaleza de Goián pero abarcará moito máis . Os participantes camiñarán e falarán sobre o Castelo da Nosa Señora da Concepción, a Fortaleza de San Lourenzo, o Castelo Medieval de Vila Nova de Cerveira, o antigo embarcadoiro da Vila da Barca no Miño e o inicio do Camiño da Nosa Señora do Norte en territorio galego. Tamén se falará sobre a Atalaia do Espírito Santo, o Forte de San Francisco de Lovelhe, o Forte das Chagas e o Castelo de Medos, intentando contextualizar cada contrucción no seu tempo.

O percorrido será de 3,4 kilómetros e se levará a cabo en aproximadamente tres horas. Na xeira estarán presentes dous intérpretes de lingua de signos para persoas xordas co obxectivo de que ninguén se perda esta xeira polas xoias da arquitectura militar de Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Coma sempre, recomendase levar calzado e roupa cómodos.