O Concello investirá 100.000 euros na renovación do tramo municipal da estrada de San Salvador de Tebra Ademais, dotarase ao vial dunha senda peonil, pavimento e arborado novos para mellorar a estética do mesmo

O Concello de Tomiño vén de adxudicar as obras de “MELLORA do VIAL SAN SALVADOR DE TEBRA” que consistirán na renovación completa do vial SST-001, de titularidade municipal, no tramo 0-0,2km que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia.

Con esta intervención, adxudicada a Construccións Castro Figueiró S.L, por preto de 100.000 euros e un prazo de execución de 4 meses, o Concello pretende dar resposta á unha demanda veciñal. Debido ao mal estado de conservación da estrada, sobre todo, no espazo destinado a beirarrúas de uso peonil, se aproveitará para renovar tamén a estética do vial, creando unha nova senda para peóns.

As obras faranse con cargo ao Plan Concellos 2020 e incluirán a construción dunha plataforma única para peóns e tráfico rodado, distinguindo con pavimentos diferentes os itinerarios peonís e de vehículos.

Asemade, ampliarase o ancho das beirarrúas de uso peonil para cumprir, nunha delas, coas medidas que se esixen actualmente en materia de accesibilidade.

Ademais, dotarase de pavimentos e arborado novos ao tramo de propiedade municipal para mellorar a súa estética, uniformándoa coas actuacións realizadas na contorna da igrexa e do centro social de Sal Salvador de Tebra, empregando materiais similares aos utilizados neste espazo. O proxecto formula unha modificación na sección da vía, actualmente formada por dous carrís para tráfico rodado e beirarrúas a ambos lados, mais que contan cun ancho bastante reducido.

“Coa actuación proxectada, conseguirase facer máis accesible e amable o vial para os peóns, mellorándose a imaxe do mesmo para que estea en sintonía coas actuacións realizadas na contorna, e emendando o mal estado de conservación no que se atopa na actualidade”, precisa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha dun metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Nesta, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.

A foto corresponde a unha visita realizada no mes de abril á zona das obras, con parte do equipo de goberno e o arquitecto responsable do proxecto.