O Concello organiza dous novos cursos de iniciación á ximnasia hipopresiva, atendendo á grande aceptación que tiveron os tres primeiros

Ante a grande aceptación que tiveron os tres primeiros cursos de hipopresivos organizados antes do verán, o Concello de Tomiño organiza dous novos obradoiros (nivel iniciación), para aquelas mulleres ou homes que non puideron asistir aos cursos anteriores e queiran comprobar os beneficios deste tipo de ximnasia que, entre outras cousas, mellora a postura corporal, reduce cintura, alivia a dor de espalda, frea a incontinencia e axuda na recuperación post-parto.

Os novos cursos (máximo 10 persoas en cada un) constarán de cinco sesións de unha hora de duración, e terán lugar os días 3, 5, 10, 12 e 17 de novembro en dúas quendas: de 19.00 a 20.00 e de 20.00 a 21.00 horas. Estas cinco clases terán a finalidade de aprender e interiorizar a metodoloxía de traballo e os exercizos necesarios para conseguir bos resultados.

As persoas interesadas poden inscribirse na Casa do Concello (Praza do Seixo, 1) ou chamando ao número de teléfono 986 622 001/03.

A actividade, subvencionada en parte polo Concello, terá un custe total de 35 euros para cada unha das participantes.