O Concello pon en marcha un servizo de carriños da compra na rúa para fomentar o comercio local

O Concello pon en marcha un servizo de carriños da compra na rúa para fomentar o comercio local Estes carros poderán collerse de balde en catro puntos dos núcleos de Tomiño e Goián e permitirán transportar a compra de xeito cómodo e sinxelo

Tomiño saca os carriños da compra á rúa para fomentar o comercio local. O Concello puxo en marcha un novo servizo a través do que carros similares aos dos supermercados estarán a disposición da veciñanza para que mercar nos establecementos de proximidade e nos mercados municipais dos núcleos urbanos de Tomiño e Goián sexa máis sinxelo, práctico e cómodo, xa que permitirán transportar a compra sen cargar co peso das bolsas. “Queremos dar facilidades á xente para incentivar o consumo no comercio de proximidade, porque é unha peza importante da nosa economía, xeradora de emprego e benestar”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Xa hai dispoñibles 20 carros situados en catro puntos de recollida, dous no núcleo de Tomiño (na rúa Colón e na rúa Tui) e dous en Goián (na Avenida Ordóñez e ao carón da escola infantil A Galiña Azul). Serán de balde e terá un sistema de funcionamento sinxelo e similar ao dos supermercados: a veciñanza poderá coller un dos carriños en calquera destes puntos e, despois de mercar con toda comodidade, deberá devolvelo. Estarán dispoñibles todos os días de 09.00 a 21.00 horas.

Con esta iniciativa o Concello busca darlle pulo ao comercio local con medidas dirixidas non soamente ás e aos comerciantes, senón tamén a concienciar e fomentar o consumo de proximidade entre poboación.

“Este servizo permítenos seguir revitalizando os núcleos urbanos de Tomiño e Goián, continuar dándolle vida a zonas nas que as persoas son unha prioridade e nas que dispoñer de ferramentas como carros para poder realizar a compra comodamente pode ser un elemento importante para incentivar que a veciñanza se achegue aos nosos mercados municipais e ao comercio local”, salienta a rexedora, que destaca a boa acollida que está tendo o servizo xa dende os primeiros días de uso.