O Concello reforma o salón de plenos para facelo accesible a todas as persoas

A superficie do salón rolda os 120 metros cadrados, un terzo, aproximadamente, da superficie total do edificio situado na Praza do Seixo

O Concello inicia a semana vindeira as obras de reforma do Salón de Plenos, para facer del un espazo accesible a todas as persoas e dotado de mellores potencialidades.

 

O actual Salón de Plenos, cuxa reforma afrontarase cunha partida de 200.000 euros procedentes da Deputación de Pontevedra, non se atopa adaptado para persoas con discapacidade funcional ou mobilidade reducida. Unicamente se sitúa ao nivel da planta baixa a zona dos concelleiros, estando o resto do salón a un nivel inferior, non accesible a todos os cidadáns por ningunha das  portas existentes.

 

A superficie do salón rolda os 120 metros cadrados, un terzo, aproximadamente, da superficie total do Concello. , razón pola cal o Concello pretende crear un novo acceso directo, dende a Praza do Seixo (recentemente remodelada tamén), aproveitando a existencia dun calexón de servizo sen uso. Deste xeito, o público que acude aos actos organizados na praza, poderá acceder directamente ao salón de plenos, que a partir da reforma, dedicarase tamén a outros usos, culturais, lúdicos, etc.

 

A reforma incluirá ademais, a substitución do mobiliario do salón (sillóns do pleno, vitrinas, etc.), antigo e pouco funcional; se procederá a instalar mobles máis funcionais, que permitan o seu desprazamento segundo o uso do que se trate.