O Concello segue a súa aposta polo Servizo de Axuda no Fogar coa formación continua dos seus 40 auxiliares socio-sanitarios

O Concello segue a súa aposta polo Servizo de Axuda no Fogar coa formación continua dos seus 40 auxiliares socio-sanitarios Un total de 19 traballadores/as participaron no segundo curso deste ano especializado no coidado de persoas con Alzhéimer e outras demencias, de 100 h de duración

O Concello de Tomiño segue a facer unha aposta estratéxica polo Servizo de Axuda no Fogar, un servizo orientado ao coidado de persoas en situación de dependencia que o municipio oferta dende hai anos. Un servizo “indispensable” para o Goberno local que segue mellorando cada ano coa formación continua e específica dos seus traballadores e traballadoras. Esta semana, 19 auxiliares socio-sanitarios recibían de mans da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da concelleira de Benestar, Cristina Martínez, os diplomas como participantes na segunda edición do curso de atención socio-sanitaria especializado en persoas con Alzhéimer e outras demencias, realizado nos meses de maio e xuño.

O Concello segue a súa aposta polo Servizo de Axuda no Fogar coa formación continua dos seus 40 auxiliares socio-sanitarios

Foron en total 100 horas de formación, 40 teóricas e 60 prácticas, nas que as 18 mulleres e o home participantes aprenderon a entender as alteracións de conducta e emocionais máis habituais nestes casos e a como enfrontarse a elas, proporcionando aos usuarios e usuarias a mellor resposta posible e mellorar así a súa calidade de vida e a dos seus coidadores/as.

A concelleira de Benestar salienta a disposición do Concello a continuar organizando accións formativas especializadas que permitan dar resposta á demanda actual non só das 113 persoas usuarias do servizo, senón tamén do mercado laboral. “Son proxectos de formación que non só melloran a competitividade dos profesionais, senón que tamén fan que aumente a percepción de calidade do servizo que teñen as persoas usuarias”, salienta Martínez. Por este motivo, o Concello xa está organizando coa empresa adxudicataria do servizo, IDADES S.L., novos cursos formativos para o vindeiro ano.

O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, así como tamén material técnico como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas. Na actualidade, 40 auxiliares socio-sanitarios realizan un total de 40.000 horas anuais para atender aos 113 usuarios e usuarias. O Concello de Tomiño investiu este ano 564.000 euros neste servizo.