O Concello súmase á conmemoración do Día Mundial do Autismo xunto a “Un Máis. Asociación de pais, familiares e amigos de persoas con TEA” Alumeado nocturno da fachada, globos azuis e lectura do manifesto son algunhas das actividades previstas

O Concello de Tomiño súmase ás actividades conmemorativas do Día Mundial do Autismo, organizadas por “Un Máis. Asociación de pais,familiares e amigos de persoas con TEA”. A colocación dunha lona na fachada do edificio consistorial, a iluminación do mesmo desde esta noite e a lectura do manifesto da Federación Autismo España, son algunhas das accións nas que participará o Concello. Asemade, mañá martes 2 de abril, ás 20.00 horas haberá na Praza do Seixo agasallos de globos azuis, e o mércores 3, entre as 9.30 e as 13.30 horas, na praza do Seixo, venda de merchandising para recoller fondos, por parte de Un Máis.

A asociación quere, coma cada ano, dar visibilidade ás persoas con trastorno do espectro autista,e tamén aos seus familiares e amigos/as. Nesta ocasión, organizan con ese fin unha semana de concienciación e festexo nos Concellos de Tui e Tomiño.