O Concello toma contacto coa veciñanza a través da campaña “O Concello Escoita”

A rolda de xuntanzas veciñais, que comezou o día 24 de xuño, rematará a semana que vén en Tomiño centro e Goián
Continúa a campaña “O Concello Escoita” organizada polo Concello de Tomiño, consistente nunha rolda de xuntanzas polas parroquias da vila, co obxectivo de fomentar a participación cidadá e informar á veciñanza sobre os proxectos e obras levados a cabo no último ano.

Unha media de 40 veciños e veciñas acoden ás reunións celebradas pola tarde-noite en distintos centros culturais e veciñais das quince parroquias tomiñesas.

A iniciativa pretende, ademais, escoitar as necesidades de cada parroquia, de boca dos propios veciños e veciñas, e tomar nota das propostas que queiran realizar. “Queremos que os cidadáns opinen e transmitan o seu punto de vista sobre o funcionamento do Concello; que cousas deben mellorarse e que iniciativas deben desenvolverse para ben do seu entorno”, explica a alcaldesa, Sandra González.

A maioría das consultas ou preguntas que fan os cidadáns se relacionan con temas coma recollida de lixo, saneamento, arranxos de estradas e camiños, iluminación pública, etc.

Ás xuntanzas acoden habitualmente unha representación do goberno local, formada, habitualmente, pola alcaldesa, o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Facenda, Uxío Benítez e os edís de Obras, Medio Rural, Benestar Social e Cultura.

A rexedora agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos. Asemade, convida a veciños e veciñas a achegarse ás xuntanzas previstas no calendario de visitas para o que resta desta semana e a seguinte.

Segundo o devandito calendario, hoxe mércores 2 de xullo, haberá reunión en Forcadela (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Hospital (Casa Social. 21.30 hs.); xoves 3 de xullo, en Barrantes (pavillón deportivo ás 20.00 hs.) e Pinzás (Centro Social. 21.30 hs.); mércores 9 de xullo, en Tomiño (Casa da Cultura. 21.00 hs.) e xoves 10 de xullo, en Goián (Centro Goianés. 21.00 hs.).