O Concello traballa para a creación dunha senda peonil e ciclista que mellore a seguridade en Forcadela Reunirase este xoves 15 de marzo cos propietarios e propietarias dos terreos que sería necesario ceder para informalos do proxecto

O Concello de Tomiño segue a traballar para mellorar as rúas do municipio e a seguridade dos peóns e das veciñas e veciños que se moven camiñando pola vila, nesta ocasión na parroquia de Forcadela. O goberno municipal vén de chegar a un acordo coa Consellería de Infraestruturas para a cesión ao concello dunha das rúas da parroquia agora de titularidade autonómica a cambio de que a Xunta de Galicia se encargue das obras para a creación na zona dunha senda peonil e ciclista que sirva “para facilitar o acceso aos veciños e veciñas e sobre todo para mellorar a súa seguridade”, explica o concelleiro de Obras e Saneamento, Francisco Campo.

Para levar adiante o proxecto, o concello necesita a disposición de arredor dunha vintena de terreos, todos eles “fincas pequenas de entre 4 e 6 metros de ancho”. Campos e a concelleira Ana Cristina Martínez reuniranse este xoves 15 de marzo na Casa dos Mestres cos preto de 20 propietarios e propietarias dos terreos afectados para explicarlles o proxecto e falar da cesión dunhas propiedades que ocuparían en total arredor de cen metros cadrados.

Dende a Casa dos Mestres ao CRA

O proxecto contempla a creación dunha senda peonil e para ciclistas sinalizada que vaia dende a antiga Casa dos Mestres ata a Aula do CRA Mestre Manuel Garcés en Forcadela, o que deixaría todo o centro da parroquia ben comunicado e melloraría os accesos e a seguridade para os peóns. A senda podería estenderse ata a igrexa, aínda que esa zona xa conta con beirarrúas para garantir a seguridade dos veciños e veciñas.