O Concello visita ós produtores singulares de Tomiño para animalos a compostar O mestre e a mestra composteira están a realizar un estudo con cada centro ou establecemento co obxectivo de que poidan xestionar os biorresiduos xerados nas súas cociñas

Para acadar outro fito do Revitaliza do Concello e da Deputación de Pontevedra, o mestre e a mestra composteira de Tomiño están visitando a “produtores singulares” do municipio, entendendo estes como entidades produtoras de biorresiduos diferentes a domicilios familiares, o que son centros especializados ou establecementos de hostalería (taperías, bares, restaurantes…) co obxectivo de que poidan xestionar os biorresiduos xerados nas súas cociñas a través de composteiros individuais específicos, cunha capacidade de 830 litros cada un.  Para elo, estase a facer un estudo previo da xeración de residuos de cada produtor, así coma un seguimento do proceso nas primeiras semanas dende a instalación do composteiro. 

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, explica que no Concello “estamos moi contentos cos resultados iniciais desta iniciativa”, e engade que “xa comezaron a xestionar os seus biorresiduos mediante a utilización de composteiro individual no Centro de Día, na Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, na Asociación Cidadá de Loita Contra a Droga Alborada e nas taperías A Casa das do Correo e A Casa Chaver”. Ademais incide en que se continuarán con estas visitas ata chegar a totalidade de produtores singulares situados no concello de Tomiño. “Isto seralle moi beneficioso a estes produtores, xa que nun futuro próximo, todos estaremos obrigados a separar estes residuos, así como as distintas fraccións do lixo, xa que é o que marca a nova normativa e as directrices europeas, en aras de acadar os obxectivos de desenvolvemento sustentable”. Os Países, Comunidades ou Concellos que non cumpran estes obxectivos, poderíanse enfrontar a sancións, que acabarían repercutindo na cidadanía.

Estes produtores, como o resto da veciñanza, teñen acceso tamén ó servizo de préstamo de biotrituradoras, para poder fabricar o seu propio estruturante a partir de podas.

Biotrituradoras municipais

Dende o pasado mes de xuño, cando o Concello comezou o servizo de préstamo de biotrituradoras, un total de 29 de veciños e veciñas xa utilizaron a maquinaria para xestionar os seus residuos vexetais. A edil quere lembrar que tanto a alta no servizo coma a solicitude de préstamo das biotrituradoras pódese facer en persoa no rexistro do concello como a través da web.