O “Concertasso na horta” chega á Praza da Mina este xoves O venres, “Treides comigo!” pecha o exitoso Ciclo Música e Románico na igrexa de Santa Mª de Tebra

O próximo xoves 28 de xullo terá lugar na Praza da Mina a actuación de Brais Gutiérrez —Brais das hortas—, co seu “Concertasso na horta”. O artista presentará ás 19.30h a súa proposta de letras e arranxos coidados para sementar, apañar risas e ter ganas de cantar, dentro do ciclo “O Son das Prazas”.

A través da música de Brais das Hortas, ata a Santa Compaña se aparece entre as patacas cantando un trap e os kiwis non paran de brotar ao ritmo do ska. O concerto comezará ás 19.30h e é para público familiar con entrada gratuíta.

Por outra banda, o venres 29 de xullo, Xoán Curiel, con “Treides comigo”, pecha o exitoso Ciclo Música e Románico na igrexa de Santa Mª de Tebra. Artista multidisciplinar da Fonsagrada é actor, músico e cantante. A súa proposta (o dúo Treides comigo!) foi creada a partir de cantigas medievais de trobadores galegos, o seu 7º disco, no que é evidente o amor do autor pola lusofonía pero dende unha perspectiva innovadora. Este concerto, de balde e para todos os públicos, comezará ás 20.30 horas.