O Consello da Infancia de Tomiño busca solucións ao acoso escolar O grupo reuniuse cos do Porriño e Redondela para compartir ideas e propoñer accións conxuntas

O Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño reuniuse esta semana cos seus homólogos do Porriño e Redondela cun obxectivo moi concreto: buscar solucións ao acoso (bullying) que sufren miles de escolares na nosa sociedade; reunir en conxunto propostas que poidan levarse a cabo para tentar dar unha mellor resposta a esta terrible problemática.

Os tres grupos levan tempo traballando por separado ao redor desta temática. Na xuntanza, que se celebrou de xeito telemático, puideron compartir ideas, impresións e posibles propostas para que a lacra do acoso escolar sexa tratado tamén dende os seus puntos de vista. “Nos estamos máis próximos ás realidades desta problemática”, explicaban. Afirmaban, ademais, que o bullying ten a súa orixe na propia sociedade e non é algo que parta da xente nova, de forma illada, senón que é unha reproducción da violencia que exercen as persoas adultas.

Aproveitaron tamén para falar do asasinato de Samuel, acontencido esta fin de semana e lamentaron que este tipo de actos sigan acontecendo, concluíndo que “queda moito traballo por facer”.

A concelleira de Mocidade e Participación Infantil, Fátima Rodríguez, xunto con Lourdes do Porriño e Olga de Redondela, entraron tamén á videoconferencia para agradecerlles o traballo que levan realizado durante un curso tan complexo como este, desexando que poidan voltar a encontrarse de forma presencial despois do verán.