O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño busca relevos A entidade descubriu a insignia do selo Cidades Amigas da Infancia (CIA) nun acto presidido por Unicef Galicia

O Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, celebrou este luns un pleno co fin de artellar a estratexia de difusión da campaña de adhesión de novos socios e socias que comezará nestes días, e lograr deste xeito suplantar aos membros que se darán de baixa en breve, por cumprir os 18 anos.

A mencionada campaña de difusión e adhesión de novas persoas levarase a cabo, fundamentalmente, a través das redes sociais, xa que son estas as que utiliza a maioría da poboación moza. Para formar parte do consello Voces Novas, hai que escribir un correo electrónico a vocesnovas.tomino@gmail.com, ou ben, mandar unha mensaxe por Instagram (@vocesnovas).

Tras o pleno do Consello da Infancia e Adolescencia, os mozos e mozas aproveitaron para falar coa alcaldesa da vila, Sandra González, e dúas representantes de Unicef Galicia, Gloria Del Río (vicepresidenta) e Marisé Pérez Mariño (vogal).

Asemade, procederon a descubrir a insignia de Cidade Amiga da Infancia, en cuxo proceso de recoñecemento, xogaron un papel fundamental.

“Eles teñen unha visión do mundo moi diferente á nosa e é necesario que o interese por intervir nas decisións dos adultos, se contaxie á poboación moza”, recoñeceu Gloria Del Río.

A alcaldesa, pola súa banda, explicou que o distintivo do Selo CAI colocarase en breve na rotonda de entrada á nova rúa que permitirá, por unha parte, sortear o centro da localidade aos vehículos e, por outra, acceder andando ás zonas máis céntricas.

Tomiño forma parte, por catro anos, da rede Cidades Amigas da Infancia xunto a outras 273 localidades de España, cuxos gobernos locais situaron á infancia no centro das súas políticas públicas.