O Consello Escolar Municipal acorda organizar a 1ª Semana da Educación no vindeiro mes de xaneiro.

O pasado mércores celebrouse o primeiro consello escolar municipal deste novo curso escolar 2015/2016. A orde do día incluía como primeiro punto as axudas ao material escolar que o Concello de Tomiño convocou e das que se beneficiaron 304 nenos e nenas de Tomiño.

O goberno local, representado pola Alcaldesa e polo Concelleiro de Medio Rural, Lois Vázquez, tamén deron conta das actividades extraescolares gratuitas que sufraga o orzamento municipal. Estas actividades supoñen un total de 17 actividades e que dan cabida a todos os centros e niveis educativos. Ademáis, no consello escolar municipal recordouse o traballo docente das escola municipal de teatro e da escola de música de Tomiño das que tamén se benefician os nenos e nenas do municipio.

O programa “é aprender” foi o terceiro punto da orde do día e do que os membros do consello escolar mostraron a súa satisfacción polo éxito educativo acadado até o de agora. Este novo curso escolar, iníciase xa con máis de 60 nenos e nenas que recibirán apoio escolar en diferentes puntos xeográficos do municipio. O obxectivo do programa é traballar aspectos diversos que afectan a hora de estudio, como poden ser cuestións como a atención, a motivación, a autoestima, a resolución de conflitos, etc. Este programa está impartido por profesionais do campo educativo e que ademaís conta cun gabinete psicolóxico para os nenos e nenas que o precisen.

Finalmente, abordouse a cuestión relativa a arranxos nos centros educativos. O Concelleiro de Medio Rural, deu conta da relación de obras efectuadas aproveitando as vacacións estivais. Destacouse o acondicionamento dunha aula de usos múltiples e as obras de accesibilidade no CEIP Sobrada. Tamén se informou das futuras obras de acondicionamento da pista de atletismo do CEP Pedro Caselles. No consello escolar municipal foi novamente abordado a cuestións da situación actual da escola unitaria “Aurora del Porvenir”. A anpa, os pais e nais do CRA Manuel Garcés e a Alcaldesa mostraron o seu malestar pola actual situación da escola unitaria “Aurora del Porvenir” e o seu interese porque esta histórica aula continúe prestando a súa labor educativa.

No consello escolar municipal saldouse, ademáis, co acordo de organizar unha xornadas adicadas a reflexión conxunta da educación. Serán uns encontros participativos nos que se convidará a expertos en educación, a nais, pais, profesorado, anpas e alumnado co fin de analizar os puntos fracos da actual situación do modelo educativo e procurar de liñas de traballo de cara a reducir o fenómenos de fracaso escolar.

A Alcaldesa, mostrou a súa satisfacción polo bo funcionamento do consello escolar municipal que “facilita o contacto directo coa comunidade educativa e dende o cal se acordan as decisións por consenso.” Segundo a rexedora “as actuacións que está levando a cabo o Concello de Tomiño amosan a prioridadade que supón para este goberno local a educación, unha aposta polo futuro do municipio.”