O Conservatorio Superior de Vigo ofrecerá un concerto de orquestra de corda e coro en Tomiño A actuación terá lugar o xoves 12 de maio no auditorio de Goián, baixo a dirección de Juan Carlos Díaz e Pablo Abreu

O Conservatorio Superior de Vigo, en colaboración co Concello de Tomiño, ofrecerá un concerto de orquestra de corda e coro, o xoves 12 de maio, no Auditorio de Goián ás 20.00 horas.

Pablo Abreu e Juan Carlos Díaz Álvarez dirixirán á agrupación coral e á orquestra, respectivamente. Este último, ex director da Agrupación Musical de Goián (durante 10 anos), explica que o concerto naceu da inquedanza de amosar o traballo do alumnado non só en Vigo senón tamén na periferia, brindando ao mesmo tempo, unha experiencia maior aos futuros profesionais do conservatorio.

Na actualidade Díaz Álvarez, tamén veciño de Goián, dirixe as agrupacións orquestrais do conservatorio de música vigués onde é ademais profesor de tuba.

O repertorio escollido para a ocasión é totalmente galego. O concerto comezará con “Impresión Nocturna” de Andrés Gaos, interpretado pola orquestra. Seguidamente, o coro interpretará “María Soliña”. A continuación orquestra e coro interpretarán “Canción de berce”, do mestre Rogelio Groba, de Ponteareas, e para finalizar ofrecerán “Cantigas de Mar”, do mesmo autor.