O CRA celebra esta semana xornadas de portas abertas co fin de por en valor a educación no rural que levan impartindo máis de 20 anos O Colexio Rural Agrupado Mestre Manuel Garcés é un dos máis grandes de Galicia, con 150 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos

O CRA (Colexio Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés, de Tomiño, un dos máis grandes de Galicia, con máis de 150 nenos e nenas de entre 3 e 5 anos, repartidos en 13 aulas espalladas polo rural, organiza unhas xornadas de portas abertas entre  o 25 e o 28 de febreiro, de 10.00h a 13.00h, co fin de dar a coñecer á poboación a existencia do centro, o seu método de traballo e por en valor a escola rural como modelo pioneiro a nivel educativo.

Este conxunto de aulas foi  creado hai dúas décadas e é un dos máis grandes de Galicia, chegando a ter 17 unitarias onde se impartía tanto educación infantil, coma primeiro ciclo de Primaria.

Na actualidade conta con dezaseis mestres de educación infantil, profesorado especialista de psicomotricidade, música, inglés, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe. Dispón ademais dun departamento de orientación propio e con persoal coidador para atender aos nenos con necesidades especiais.

O CRA Mestre Manuel Garcés gañou en 2009 o premio nacional de Crearte, polo que dende esa data outorgóuselle a condición de Centro Educativo Creativo, tendo en funcionamento dende entón o proxecto de Crearte, no que participa todo o alumnado do centro.

O profesorado conta con plans de formación permanente en novas pedagoxías e metodoloxías de ensino, tendo moi en conta premisas sobre a educación emocional de pedagogos coma Tonucci, Montessori ou Waldorf. “Ofertamos unha educación integral que fomenta a autonomía, sen materias nin libros de texto, adaptada á forma de pensar do neno, a súa espontaneidade e a fomentar aquilo que o neno é e non o que queremos que sexa, dándolle gran importancia ao xogo libre, ao contacto coa natureza e o traballo con materiais naturais, nun espazo agradable, pensado e preparado exclusivamente para eles”, explica o actual director, Antón de Valenzuela.

Para favorecer a autonomía dos pequenos, lévase a cabo o “traballo de responsables”, no que os propios nenos son os encargados de abrir a porta, preparar e servir as merendas, atender o teléfono, coidar ás plantas, recoller a aula, etc. tendo que usar dentro da aula zapatillas coma as de casa.

Aínda que son unha escola rural, dispoñen de equipamento e materiais informáticos de última xeración, velocidade de conexión a internet de alta velocidade, o programa Abalar Móbil para facerlles chegar os avisos ás familias e non ter que empregar circulares de papel.

Asemade, o CRA mantén unha excelente relación coa comunidade educativa e co entorno, con outros centros, os comercios da contorna, con saídas ao mercado de Tomiño, onde son recibidos e atendidos polos vendedores; visitas ao Centro de Dia, e participando tamén en proxectos de cooperación transfronteiriza con Vilanova da Cerveira (Portugal).