
03 Feb 2023 O CRA Mestre Manuel Garcés enche Tomiño de desexos de paz nunha botella Nenos e nenas conmemoraron o Día Internacional da Paz con mensaxes e flores coas que dar vida e deixar que florezan os bos desexos
Os nenos e nenas do CRA Mestre Manuel Garcés volven encher Tomiño de ilusión e esperanza para conmemorar o Día Internacional da Paz, unha celebración que cobra especial relevancia cando estase a piques de cumprir un ano do inicio da guerra en Ucraína que, xunto a outros moitos conflitos no mundo, “o alumnado está vendo constantemente na televisión e sinte tamén de preto, xa que está a convivir con moitos nenos e nenas ucraínas”.
Para conmemorar esta data tan sinalada, o centro creou unha pequena instalación coa que encheu a Praza do Seixo de botellas de vidro transparente con mensaxes e desexos de paz dentro. Baixo o lema ‘Desexos na botella’, nenos e nenas incluíron nos recipientes mensaxes e debuxos xunto cunha flor tipo sempreviva, duradeira, “para dar vida e deixar que florezan todos os nosos desexos de paz”.