O documental “Xela Arias. Poeta nas marxes”, chega este sábado a Tomiño O traballo, dirixido por unha moza tomiñesa, vaise proxectar no Auditorio de Goián o sábado 5 de xuño ás 20 horas, e haberá un coloquio posterior

O Concello de Tomiño proxectará o vindeiro sábado o documentalXela Arias. Poeta nas marxes”dirixido por Beatriz Pereira, graduada en Comunicación Audiovisual e veciña da parroquia tomiñesa de Tebra.

A proxección encádrase dentro do proxecto  que leva a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) a concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia (á que pertence Tomiño) no marco da programación institucional Letras Galegas 2021 para dar a coñecer a figura, a vida e a obra da autora homenaxeada pola RAG este ano.

O traballo documental vaise proxectar no Auditorio de Goián o vindeiro sábado 5 de xuño, ás 20 horas, para persoas a partir de 12 anos, e haberá un coloquio posterior. As entradas, de balde, poden reservarse chamando ao Concello nos teléfonos 986 622001/03, ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal.

“Con esta iniciativa queremos facer partícipe da programación institucional das Letras a concellos e entidades da RDL e á súa cidadanía para que a festa da lingua galega se estenda máis alá do propio 17 de maio, do mes das Letras, e teña presenza ao longo de todo o ano”, explican os organizadores”.

A partir dos testemuños de figuras da cultura galega coma Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo, Marga do Val e Humberto Heredia, o documental percorre a vida e obra da homenaxeada, “deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega”.