O Encontro da Rede Española de Cidades das Nenas e Nenos do proxecto Tonucci reúne en Pontevedra a un cento de representantes de todo o Estado

O Concello de Tomiño asiste a este encontró coa finalidade de expor a súa experiencia co proxecto “Camiños Escolares”

 

O Encontro da Rede Española de Cidades das Nenas e Nenos do proxecto do pedagogo Francesco Tonucci reúne este xoves e venres en Pontevedra a preto dun cento de representantes de concellos e diferentes entidades de todo o Estado. A intención deste encontro é poñer en común o traballo feito durante o último ano no desenvolvemento de políticas que permitan aumentar a autonomía das crianzas, tanto desde o punto de vista educativo, como do espazo urbano.

O Concello de Tomiño asiste a este encontró coa finalidade de expor a súa experiencia co proxecto “Camiños Escolares”, cuxo obxectivo primordial é que nenas e nenos podan desprazarse de forma autónoma aos seus centros educativos. Dentro dunha primeira etapa de diagnose, realizáronse actividades nas aulas de 5º e 6º de Primaria do centro Pedro Caselles e saídas de recoñecemento no terreo, guiadas polo equipo técnico que redactará o proxecto definitivo.

O encontro ten lugar en Pontevedra logo da decisión unánime tomada na edición do pasado ano, tras a proposta do propio Francesco Tonucci, que considera Pontevedra o exemplo práctico dunha cidade pensada e feita para as nenas e nenos e, en xeral, para as persoas.

Neste marco, onte realizouse unha visita guiada á exposición “Imaxinar a educación. 50 anos con Frato” e visitouse o contorno da praza de Barcelos para coñecer a transformación dese espazo público, tras unha proposta das rapazas e rapaces do centro escolar. Xa pola tarde, houbo un relatorio sobre o “Modelo Pontevedra” a cargo do vicepresidente e concelleiro en Pontevedra, César Mosquera, e do deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.

Hoxe adicouse a mañá ao traballo interno da rede, con sesións diferenciadas de debate en tres seminarios: autonomía, onde se falará dos camiños escolares; planificación compartida e espazo público, onde se formularán as actuacións urbanísticas dos concellos; e o “consello das nenas e nenos”, a fórmula que propón Tonucci para artellar a comunicación entre as propostas das crianzas sobre a súa cidade e os seus alcaldes.

Pola tarde o debate xirará arredor do funcionamento da Rede Española de Cidades no relacionado á súa estrutura e esixencias e condicionantes para poder permanecer dentro do proxecto de “Cidades das nenas e nenos”.

Asistentes

No Encontro da Rede de Cidades das Nenas e Nenos está presentes representantes das universidades de Santiago, de Vigo, do País Vasco e Zaragoza, así como do Innobasque, do Parque das Ciencias de Granada, do Museu Blau de Barcelona, e da Asociación Pedagóxica Frato, como entidades. En canto a administracións locais haberá representación de Granada, Picanya, Rubi (Barcelona), Bilbao, Aldaia, Lleida, Fuerteventura, Barcelona, Carbajosa de la Sagrada (Salamanca), Solasgune (Biscaia), Xaén, Erandio, Guipúscoa, Huesca, Tolosa, Ermua e outras localidades estatais, xunto con membros da rede provincial xestionada pola Deputación (Pontevedra, Tomiño, Cambados, Nigrán, O Grove, Catoira, A Guarda, Silleda, Arbo, Redondela, Salceda de Caselas, Lalín, As Neves, Ponteareas e Cangas).

Desde Italia esán presentes tres representantes do Laboratorio Internacional do Consiglio Nazionale delle Ricerche de Roma (Daniela Renzi, Antonella Prisco e Chiara Belingardi), así como dúas representantes da Regione di Lazio, Alessia Paplomatas e Marta Letizia, que traballarán a modo de coordinación co proxecto de Tonucci en Roma.