O encontro “Estratexias para unha crianza en positivo”, comeza o luns 8 de abril, ás 17.00 horas na Casa da Cultura As persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente no Departamento de Benestar (Programa de Educación e Apoio Familiar)

A primeira proposta do programa “Medrando en Familia 2019” é o encontro: “Estratexias para unha crianza en positivo”, que terá lugar entre os luns 8 e 22 de abril na Casa da Cultura (avenida da República Arxentina), estando a cargo da empresa especializada Psicoloxía A Carón.

Na primeira sesión trataranse temas coma a organización da familia e a educación; límites e normas; responsabilidade e autonomía. Esta primeira sesión será ás 17.00 horas (aínda que no cartaz anunciador da actividade figura ás 19.00). As persoas interesadas en asistir deben inscribirse previamente no Departamento de Benestar (Programa de Educación e Apoio Familiar), presencialmente (Lugar A Rocha, 8); enviando un correo a benestar@tomino.gal, ou ben, chamando por teléfono ao número 986 622 001, especificando se necesitan o servizo de canguro dispoñible.

Na segunda sesión, tratarase o traballo realizado na casa e debaterase sobre este tema e outros coma as solucións intentadas, falidas e exitousas; aparición de rabechas e frustración na infancia. Asemade, falarase sobre o papel das emocións e a importancia da intelixencia emocional nas condutas e o desenvolvemento na infancia.