O escultor tomiñés Antúnez Pousa abre as portas do seu estudio na Ruta de Artes e Oficios deste xoves A actividade é de balde e a saída está prevista ás 20.30 dende o campo de fútbol do Alivio

As Rutas de Artes e Oficios organiadas polo Concello de Tomiño fan unha parada este xoves na obra do escultor tomiñés Antúnez Pousa. A saída será ás 20.30 dende o campo de fútbol do Alivio e dende partirase ata o estudio do artista, que abrirá as súas portas para aqueles interesados en coñecer a súa obra. A actividade é de balde e para todos os públicos e só é preciso insribirse na páxina web do Concello no seguinte enlace: https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio/

O obxectivo das Rutas de Artes e Oficios é dar a coñecer a riqueza cultural e patrimonial do municipio. Pero dun xeito directo e diferente, coma é a visita aos talleres e estudos dos artitas locais co fin de coñecer de primeria man as súas obras e os procesos de traballo, así coma os materiais que cada un emprega para as súas creacións.

A primeira das rutas deste ano celebrouse o pasado 12 de xullo e  dirixiuse a estudo de escultura e cerámica de Lilya Pobornikova e Nando Álvarez. A terceira será o 9 de agosto, coa pintora Pilar Alonso como protagonista e, a cuarta e última, o 30 de agosto co escultor Xuxo Vázquez. O ano pasado participaron nas Rutas de Artes e Oficios cinco artistas afincados en Tomiño: Eulalia Jackson, Magín Picallo, Fundición Arte Bronce e Carlos Fernández.

Antúnez Pousa, nado en Tomiño no 1945, é un dos artistas máis recoñecidos da comarca do Baixo Miño. A súa obra está presente en coleccións particulares e en diferentes espazos públicos de Galiza. Entre as súas creacións máis destacadas hai que mencionar o monumento ao Cabaqueiro na Praza do Calvario do Rosal, o monumento a Avelino Vicente González no centro cultural da Guarda ou o Pescador do Meixón na Praza do Seixo. As súas esculturas mostran o interese pola materia, da que consegue sacar todo o seu potencial a través das diferentes texturas e posibilidades que lle da ao material co que traballa, principalmente granito, mármore e bronce.