O grupo xuvenil da Escola Municipal de Teatro de Tomiño leva a escena a obra “Bookcrossing”, este domingo no Auditorio de Goián

Participarán na representación 16 rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos

A Escola Municipal de Teatro de Tomiño,representará este domingo. 3 de xullo, ás 21.00 horas, no auditorio de Goián, a obra “bookcrossing”, a cargo do grupo xuvenil.

Esta función pon remate a un dos tres “Obradoiros de Expresión Dramática Plástica e Musical” que desenvolveu a Concellaría de Cultura,por 7º ano consecutivo, coa coordinación de “Migallas Teatro” e nos que participaron un total de 45 rapaces e rapazas de entre 4 e 17 anos.

Durante as sesións os mozos e mozas descubriron e fomentaron os seus recursos expresivos e desenvolveron as súas capacidades creativas mediante o xogo dramático.

A monitora de teatro, Tamara González, explica que a obra “Bookcrossing” (movemento internacional que consiste en deixar libros en espazos públicos para que outras persoas os atopen, os lean e volvan deixalos noutro lugar) é unha creación colectiva do grupo xuvenil (16 rapaces e rapazas de 13 a 17 anos), onde se fai un percorrido pola literatura galega, desde as cantigas medievais ata a actualidade. Os textos literarios dan lugar a diferentes escenas enlazadas por medio do bookcrossing.

Cada escena é representada con técnicas dramáticas diferentes, desde o teatro popular ata as propostas máis innovadoras, combinadas con humor e crítica social.

Esta obra pretende, entre outras cousas, fomentar o pracer de ler e mostrar a importancia que seguen tendo na actualidade, tanto no ámbito persoal coma social, obras da literatura galega que foron escritas noutras épocas.