O IES Antón Alonso Ríos fomenta o espírito emprendedor dende as aulas

O IES Antón Alonso Ríos fomenta o espírito emprendedor dende as aulas O centro participa por primeira vez na Rede de Aulas de Emprendemento da Xunta

O alumnado realizou varias visitas a empresas relacionadas cos ciclos formativos que se imparten no instituto tomiñés

Levar o espírito do emprendemento ás aulas para fomentar entre rapaces e rapazas o autoemprego como potencial saída laboral. Ese é o obxectivo da Rede de Aulas de Emprendemento da Xunta, á que este ano se sumou por primeira vez o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño levando a oferta formativa máis alá do currículo ordinario e ensinándolles diferentes camiños profesionais.

Nunha primeira fase de participación, o alumnado do instituto tomiñés realizou visitas a empresas relacionadas cos ciclos formativos que se imparten no centro, centrados na electrónica e no eido forestal. Durante estes encontros, rapaces e rapazas entrevistaron a diferentes persoas empresarias e emprendedoras para “obter información sobre como xurdiu a creación da empresa, os problemas cos que se atoparon, como os solucionaron… Foi unha forma moi interesante de achegarse á realidade, de ver os pros e os contra e incluso de recibir consellos moi útiles para futuros emprendedores e emprendedoras”, como explican dende o centro.

A actividade final consistiu na elaboración por parte do alumnado dun vídeo resumo homenaxe no que estudantado e docentes contaron coa colaboración de grandes empresas como Revertia, Cellnex Telecom, Borgwarner Vigo, CIS Deseño Ferrol, Fibralar, Industrias Guerra, I3CHE e Madeiras Pérez Gimenez S.L.