O Mercado de Tomiño irmandarase co de Ourense dentro da campaña “Quere o teu mercado” No encontro (sábado 25 de maio) presentarase ademais unha nova cociña móbil creada polo tomiñés Pablo Rodríguez

O vindeiro sábado 25 de maio, o Mercado Municipal de Tomiño irmandarase co de Ourense, no marco dunha nova edición da campaña “Quere o teu mercado” que é o lema en galego, da campaña internacional dos mercados “Love Your Local Market”. A iniciativa conta este ano coa participación de mercados europeos e doutros países (España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia,  Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos).

En Galicia a acción é promovida pola Xunta de Galicia en colaboración con concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes, co obxectivo de potenciar a compra do produto local, ademais de enxalzar a profesionalidade dos praceiros e praceiras de cada localidade.

Tomiño leva a cabo esta campaña en colaboración coa Praza de Abastos de Ourense; colaboración que se concreta na gravación dun vídeo cos praceiros e praceiras de ambos mercados, que poderá verse no Facebook destes mercados e na plataforma You Tube.

Por outra banda, o mesmo día, ás 14.00 horas, o Mercado de Tomiño presenta a súa nova cociña móbil, unha creación do tomiñés Pablo Rodríguez, da ferraxaría local ‘A Roda’, instalación que vai permitir a celebración de show cookings e xornadas de degustación, un motivo máis para visitar a este mercado; o único de Galicia con selo de excelencia.

Nos próximos meses, está prevista a celebración de eventos gastronómicos a cargo de cociñeiros galegos e portugueses, dentro do programa de cooperación transfronteiriza da Eurocidade Tomiño-Cerveira.