‘O meu mundo non é deste reino’ ou unha farsa para escapar da opresión dos totalitarismos

‘O meu mundo non é deste reino’ ou unha farsa para escapar da opresión dos totalitarismos Teatro da Ramboia súbese este sábado 12 ao escenario no auditorio de Goián con esta obra gañadora de dous premios María Casares. Será ás 21 h e de balde

A programación cultural volve esta fin de semana a Tomiño levantando o pano para acoller unha obra teatral de gran calado. Teatro da Ramboia súbese este sábado 12 de novembro ao escenario do auditorio municipal de Goián para representar ‘O meu mundo non é deste reino’, unha adaptación libre da ‘Farsa de Bululú’ de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista escrita no ano 1973 que busca un ben sostido equilibrio entre a farsa de marionetas orixinal e unha duplicidade máis enfocada ao histórico a través da conversa entre os dous personaxes protagonistas.

Nela un par de feirantes chegan ao que chaman fogar logo dun longo día de traballo. Son Camilo e Tomás, dous titiriteiros que levan o mesmo espectáculo unha e outra vez polas vilas de todo o país, carrexando ás súas costas un enorme ‘tutilimundi’. A disxuntiva de abrilo convérteo nunha caixa de pandora latente xa que contar e dar vida ao que contén supón a única vía de escape dos totalitarismos que os oprimen.

Escrita pola directora María Peinado, a recuperación do título orixinal da obra serve para proxectar este laio silenciado no seu día. Hoxe encabeza o espectáculo de novo para facer fronte a un pasado que insiste en repetirse, apostando por un código de denuncia social que mantén o aroma a farsa negra que desprende o texto de Manuel María.

A obra foi flamante vencedora do primeiro Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e gañadora ademais de dous premios María Casares á mellor adaptación e mellor dirección. Este espectáculo está subvencionado pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa Tornar as táboas.

O espectáculo representarase ás 21.00 horas, será de balde e está dirixido a público a partir dos 14 anos.