O multipremiado documental “O Gran Camiño” chega este venres á praza de Goián Narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo

O multipremiado documental “O Gran Camiño” chega este venres á praza de Goián, dentro do ciclo Cine na Rúa, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Tomiño dentro da Axenda de Verán 2022.

Narrado en primeira persoa por Alba e Raúl, dous cineastas que deciden cargar as cámaras nas súas mochilas para emprender unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, ‘O gran camiño’ é un documental que fomenta a exploración, tanto na parte física, cos seus protagonistas viaxando a diferentes lugares do mundo, como na psicolóxica, algo que os seus propios responsables remarcan coa frase “os grandes camiños sempre terminan nun mesmo”.

O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o misterioso Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta do Kumano Kodo entre grandes templos xaponeses, ou o europeo Camiño de Santiago, non son máis que unha escusa para unha viaxe máis profunda ao encontro da xente dos camiños, cos que se tratan temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio pola familia, os conflitos sociais, a espiritualidade, o coidado do noso planeta, a conexión coa Pachamama, ou o regreso a un mesmo.

A cinta gañou máis de 20 premios internacionais en 2021, ano da súa presentación e chegou a ter 6 nomeacións nos Premios Goya de Cine.

Data: venres 5 de agosto
Lugar: Praza Pintor Antonio Fernández. Goián
Hora: 22.30
Duración: 82 min.
Entrada de balde

Ficha técnica:

Dirección, guián e montaxe: Alba Prol Cid, Raúl García.

Música: The Last Internationale, Novedades Carminha, Alberto Cereijo, Nasthashia Zürcher, NEO, Darren Nelson, etc.

Fotografía: Raúl García, Alba Prol, Theresa P. Lousame, Lucas Mansur.

Produtor: Raúl García Pérez.

Producción: Meteórica Cine.

Distribución: Off The Fence.

Festivais e premios:

A cinta gañou máis de 20 premios internacionais en 2021, ano da súa presentación e chegou a ter 6 nominacións nos Premios Goya de Cine.

New York Cinematography Awards, Istambul Film Awards, White Unicorn International Film Festival (Kolkata, India), Mabig Film Festival (Augsburg, Germany), Druk International Film Festival (Paro, Bhutan), Silk Road Film Awards (Cannes, France), Tagore International Film Festival (Bolpur, West Bengal), etc.


Sobre os directores:

Alba Prol Cid (Maceda)

Traballou nas películas A Esmorga, Vilamor e Nove Ondas no equipo de produción e imaxe. Actualmente traballa en Meteórica Cinema e dá clases de Audiovisual en diferentes ciclos superiores de Imaxe e Son.

Raúl García (A Bola)

Desde 2007 traballou como director, guionista e editor para cinema e televisión. Formou parte da produción das películas Un bo home e Nas Tripas da Besta: a rodaxe de Lobos de Arga. Actualmente combina o seu traballo en Meteórica Cinema coa docencia de Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela (USC).