O Museo de Pontevedra premia ao alumnado do CEIP de Sobrada Escolares de 5º de Primaria participaron na categoría infantil coa curta “Tomiño no museo”, logrando un galardón de 300 euros

Alumnado de 5º curso de Primaria do CEIP de Sobrada (Tomiño) vén de recibir o segundo premio do II Festival Audiovisual Infantil e Xuvenil, organizado polo Museo de Pontevedra.

O pasado venres, 31 de maio,  tivo lugar no “Sexto Edificio” a entrega de premios do II Festival Audiovisual Infantil e Xuvenil “O Museo de Pontevedra en curtametraxes”, ao cal se presentou o colexio de Sobrada.

Os escolares participaron na categoría infantil co relato “Tomiño no museo”; traballo que se fixo co galardón de 300 euros. Cunha duración de algo máis de 4 minutos e medio, a curta vai repasando, a través da conversa de dúas nenas, algúns dos grandes artistas tomiñeses (moitos deles con obra no propio museo pontevedrés), coma Antonio Fernández, Xoán Piñeiro, Eliseo Alonso ou Xavier Pousa, contando co apoio da Fundación deste último, á que agradecen nos títulos, igual que ao mestre Domingo Fernández Tuñas. Para realizar o traballo, o alumnado serviuse das ferramentas do proxecto Abalar e doutros programas informáticos de creación audiovisual.

A curta foi realizada nos talleres que se imparten semanalmente en 5º de Primaria, utilizando as ferramentas incluídas nos ordenadores Edixgal do alumnado. Toda a elaboración é deles, dende o guión a investigación, gravación, etc.

A idea é a relación de Tomiño co Museo de Pontevedra mediante a figura central de Xavier Pousa. Colaborou desinteresadamente a Fundación Xavier Pousa cedendo as imaxes para a curta.

Ademais dun primeiro e segundo premio por cada categoría houbo varias mencións especiais que se outorgaron tendo en conta a participación e as puntuacións moi disputadas.

O Concello de Tomiño fai chegar os seus máis sinceros parabéns ao alumnado de 5º de Primaria e a todas as persoas que dalgunha forma participaron neste evento, deixando en bo lugar o nome de Tomiño.

Máis información:

http://www.museo.depo.gal/noticias/notas.de.prensa/ga.02011174.html