Programación de Nadal

O Nadal arranca en Tomiño este sábado 22 co tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián A programación de Nadal complétase con contacontos, obradoiros, teatro e inchables. Para participar nalgunha das actividades é necesaria inscrición previa a través da web

O Nadal chega a Tomiño este sábado 22 cunha ampla oferta de lecer para toda a familia. Un ano máis, o pistoletazo de saída á programación destas festas chega da man da Agrupación Musical de Goián e do seu tradicional Concerto de Nadal, o último concerto do ano e un dos máis especiais para a entidade, xa que nel participa boa parte do alumnado da Escola de Música, dende os máis pequenos de xardín musical ou música e movemento ata a banda infantil. A actuación terá lugar o sábado 22 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio de Goián e, como vén sendo habitual, na entrada haberá que entregar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados a SOS Tomiño.

Actividades para toda a familia

Xa en plenas vacacións escolares, a programación de Nadal continuará o 26, 27 e 28 de decembro con obradoiros e contacontos para nenos e nenas a partir de 3 anos no Mercado Municipal de Tomiño. Así, de 17.00 a 19.00 h, o día 26 as actividades xirarán arredor de ‘Os ratiños de Nadal’, o día 27 de ‘Un agasallo para Lulú’ e o día 28 de ‘A árbore de Bea’. Para todas estas actividades, que se realizarán a cargo de Migallas Teatro, é necesaria inscrición previa.

O día 29 de decembro o Mercado de Tomiño tamén acollerá o ‘Cantacontos’ de Migallas Teatro, un espectáculo para público familiar no que contos tradicionais e de creación propia son arrequentados con cancións, músicas ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Historias próximos aos máis cativos e cativas, que participarán dun xeito activo no desenlace da historia. Será ás 17.00 horas e de balde.

O domingo 30 os protagonistas serán ‘Os tres porquiños’, de Educateatro Producións, teatro para nenos e nenas a partir de 2 anos no Auditorio de Goián (18.00 h). Da man dun explorador afeccionado os cativos e cativas irán percorrendo o bosque na procura dos porquiños e coñecerán todas aquelas cousas que lles gustan. O prezo da entrada será de 3 euros para persoas adultas e de balde para nenos e nenas e a venda de entrada abrirase unha hora antes do espectáculo no propio despacho de billetes.

A primeira semana de 2019 aterrará en Tomiño con moita maxia e cor cos inchables e obradoiros para cativos e cativas a partir de 3 anos que se realizarán nunha carpa habilitada na Praza do Seixo. As actividades desenvolveranse os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 16.00 a 20.00 horas de balde, aínda que para os obradoiro é necesario facer inscrición previa a través da web do Concello de Tomiño.

O fin de festa será a Cabalgata de Reis o sábado 5, que sairá dende o Campo do Alivia as 16.30 horas e que fará o seu tradicional percorrido ata a Praza do Seixo, onde os nenos e nenas de Tomiño serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos e onde haberá un sorteo de varios agasallos.