
20 Dec O novo Mercado de Tomiño tenta converterse en referente do comercio local de calidade
O novo Mercado Municipal de Tomiño abriu as súas portas este mediodía, nun acto presidido pola alcaldesa do municipio, Sandra González, acompañada polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José M. Cores Tourís, así coma polo resto do equipo de goberno local, outros membros da corporación e o presidente da Cámara de Vila Nova deCerveira.
Un numeroso público, entre o que se atopaban comerciantes, empresarios, técnicos do proxecto e veciñanza en xeral, asistiu ao acto con grande interese por comprobar en directo as melloras realizadas. Na porta do mercado atopábanse tamén os praceiros, ataviados con mandilóns comúns de cor verde e co logo do novo mercado.
O acompañamento musical veu da man dos nenos e nenas do Coro Municipal Infantil.
En primeiro lugar, falou en representación dos praceiros, Ana Mª Vicente Álvarez, quen agradeceu as grandes melloras realizadas e que de agora en diante, lles permitirán traballar dun xeito moito máis profesional e competitivo.
O conselleiro de Economía e Industria, pola súa banda, salientou a ilusión “de todo un pobo por ter un mercado que sexa motor comercial e punto de reunión”. Conde lembrou a importancia de que todas as administracións se apoien mutuamente en proxectos coma este. “Tomiño é un exemplo do camiño que estamos a percorrer mantendo a esencia do que son os mercados”, comentou. Asemade asegurou estar convencido de que “esta praza é o escaparate dos mellores produtos da comarca do Baixo Miño
e será tamén un novo reclamo turístico para o Concello”.
A alcaldesa de Tomiño pechou a quenda de intervencións cun emocionado mensaxe, no que agradeceu especialmente a cada un dos praceiros o traballo realizado e a ilusión amosada por todo o proxecto.
“Este mercado fixémolo entre todos e é o corazón do comercio local”, recalcou a rexedora, que salientou tamén o carácter participativo e consensuado do proxecto, no que se contou en todo momento coa opinión dos diferentes sectores sociais, en accións coordinadas pola empresa contratada a tal fin (Rural Consulting).
O horario de Nadal será o seguinte: todos os días,de 09.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 horas.
flyer tomiño plano distribución postos
Datos de interese
A obra do novo mercado forma parte dun proxecto xeral de modernización das instalacións municipais, considerado prioritario polo goberno local.
A reforma integral do edificio, cun custe de máis de 600.000 euros, tivo coma obxectivo a dinamización da economía local a través da creación dun centro de comercio local, que sexa ao mesmo tempo polo de atracción para novos emprendedores e lugar de encontro para a veciñanza.
A reapertura do mercado faise con once postos de froita, verdura, carne, peixe, chacinería, panadería-pastelaría, produtos ecolóxicos, florería, etc.,situados todos eles na planta baixa do edificio. A planta superior acollerá outros postos que se irán incorporando en breve. Nesta planta superior, á que agora pode accederse tamén por ascensor, haberá sete postos máis de produtos de calidade que conformarán un novo espazo lúdico-gastronómico, dotado de música ambiental, wifi gratuíta, e outros servizos.
Dentro da campaña de difusión que se está levando a cabo, o Concello creou unha páxina web (www.mercadotomino.com), e outra de Facebook (Mercado de Tomiño) que xa ten cerca de mil
seguidores. O deseño e distribución dos postos dentro do novo mercado non é resultado da improvisación, senón dun longo proceso consensuado cos praceiros, empresarios, comerciantes, emprendedores e veciñanza en xeral, para artillar unha estratexia común adaptada á realidade económica actual e ás novas tendencias no que respecta á potenciación do comercio local e de proximidade, cunha oferta diferenciada e un trato cálido e directo co cliente.