O novo skatepark de Tomiño acollerá este sábado a súa primeira competición O colectivo local OG Rippers organiza unha xornada cunha proba para menores e outra para adultos, un taller de skate, e un fin de festa por todo o alto

O novo skatepark de Tomiño , un dos maiores da provincia e situado na Alameda de Goián, acollerá este sábado a súa primeira competición deportiva. O novo espazo, inaugurado a fin de semana pasada, acollerá a deportistas de todas as idades dentro da xornada Eruptiom Jam que organiza o colectivo local OG Rippers co obxectivo de acercar o deporte a todas as persoas que acudan o sábado a Goián. 

A xornada comezará ás 11.30 horas cun taller de skate ao cargo de Viejo Lobo School, unha das escolas con máis renome na provincia, no que as persoas que non estean familiarizadas co deporte poderán aprender os seus primeiros trucos. Ás 12.30 horas comeza a competición para menores de 14 anos e cando remate, ás 14.00 h, será o momento do pícnic na fermosa contorna da alameda de Goián. Ás 16.30 horas volverá a competición ao skatepark coa quenda das persoas adultas, ás 20.30 h será a cea e a xornada rematará ás 21.00 h cunha festa no Centro Goianés. 

As persoas interesadas en inscribirse nesta competición poden fácelo a través do seguinte formulario online.  O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, anima á veciñanza a asistir a “un evento deportivo que cada vez vai ser máis habitual en Tomiño e do que imos desfrutar moito”, e lembra que durante a competición a organización repartirá ata 800 euros en premios por trucos. Os e as deportistas que consigan ser os primeiros recibirán un recoñecemento en maneira de efectivo ou material que, por exemplo, en caso de facer un flip trick drop será de 30 euros.