O OPT Cerveira-Tomiño, entre as cinco mellores prácticas de participación cidadá en Portugal Esta candidatura ao Premio de Boas Prácticas de Participación 2017 serve para pór en valor os anos de traballo conxunto. Os dous municipios explicaron a súa experiencia co proxecto no I Fórum Rexional da RAP

O Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) Cerveira-Tomiño segue a colleitar éxitos. Tras a  grande afluencia de participación nas últimas votacións, agora o proxecto foi elixido entre as cinco mellores prácticas de participación cidadá en Portugal de entre un total de 19 iniciativas presentadas como candidatas ao Premio de Boas Prácticas de Participación 2017. Este certame, posto en marcha pola Rede de Autarquias Participativas lusas, busca incentivar a implementación, difusión e posta en valor de prácticas innovadoras da democracia participativa a nivel local.

“Unha vez máis Tomiño e Cerveira están a destacar no ámbito da colaboración transfronteiriza, algo que nos alegra moito porque non se trata dunha cooperación que xurde agora, senón que levamos traballando nela man a man moitos anos”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A alcaldesa salienta ademais que “froito dese traballo conxunto son as subvencións acadadas por parte da Unión Europea e nese camiño é no que queremos continuar, para seguir conseguindo melloras para a cidadanía”.

Tras a avaliación do xurado, as cinco prácticas mellor clasificadas foron o Orçamento Participativo Jovem de Cascais, que obtivo unha puntuación de 8,87; o OPT Cerveira-Tomiño (8,27); o Plano Municipal de Juventude de Vila Nova de Gaia (8,01); Momentos i de Viana do Castelo (7,99) e o Orçamento Participativo de Funchal (7,77). Agora iniciarase unha fase de votación pública que arrancará o vindeiro 26 de marzo e na que o público poderá elixir o seu proxecto favorito ata o 22 de abril na web www.portugalparticipa.pt.

I Fórum Rexional en Braga

Os municipios de Tomiño e Vila Nova de Cerveira participaron o pasado venres no I Fórum Rexional do Ciclo de Formacións Rexionais da Rede de Autarquias Participativas (RAP), celebrado en Braga, para achegar o seu testemuño sobre a posta en marcha do Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño, que acaba de rematar o período de votación das actividades que se levarán adiante en ambos os dous municipios dentro da segunda edición do proxecto.

As técnicas responsables da Axenda de Cooperación Estratéxica entre Tomiño e Cerveira, Elísabet de Santiago e Sónia Antunes, explicaron ao público participante no foro como se desenvolve o proxecto en ambos os dous lados do río Miño e o que supón para cada municipio a participación nunha iniciativa desta entidade que permite “deseñar e executar políticas públicas para a desfronteirización”, así como os resultados das primeiras actividades conxuntas celebradas ao longo do 2017 e das votacións desta segunda edición.

O OPT trátase dunha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de Tomiño e Cerveira na definición de solucións para necesidades comúns. Trátase dun proxecto integrado na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.